A Asemblea de Comuneiras/os tamén acordou destinar 120 mil euros á rehabilitación da antiga reitoral

Este pasado domingo 5 de xuño celebrouse a Asemblea Xeral Extraordinaria de Comuneiras/os onde se abordaron dous asuntos principais, a modificación do orzamento para o ano 2022 e o posicionamento da Asemblea respecto da pretensión de grupos económicos foráneos de instalar un parque eólico no Morrazo.

No primeiro asunto, a Xunta Reitora expúxolle á Asemblea a nececidade de modificación do orzamento que se aprobara en xaneiro para dar cabida á realización das obras de rehabilitación da reitoral. A actual situación de constante suba dos prezos provocou que a partida económica dotada inicialmente resultase insuficiente para acometer os traballos previstos. Para resolver esta situación decidiuse engadir un novo lote de venda de madeira en pé. Unha vez resolta a subasta, cos ingresos obtidos permitiu elevar o investimento nas obras ata os 120 mil euros. A proposta saiu adiante sen votos en contra.

En canto ao posicionamento das comuneiras/os respecto da instalación de eólicos no Morrazo, tras unha exposición sobre a situación a día de hoxe onde non hai nada en firme, máis moitas especulacións xa que as parroquias de Cobres quedan dentro da poligonal nunha porcentaxe superior ao 80 % do territorio. Incidiuse en que estas instalacións só benefician a grupos económicos foráneos e apenas deixan beneficios económicos á poboación que ten que sufrir a súa instalación. Estas megaestruturas serían letais para as traídas de auga das que se abastecen a totalidade das veciñas e veciños desta parroquia. A Asemble de Comuneiras/os REXEITOU  este polígono eólico sen votos en contra.

(Visited 26 times, 1 visits today)
Last modified: 8 Xuño, 2022