Interesantísima casa forte dos séculos XVI e XVII. Aínda que se chama “casa reitoral” non é esa a súa natureza. Foi construída por un cura de Vilaboa para pasar nela tempadas de descanso. Cando morreu deixouna para que fose disfrutada de igual maneira polos curas que no sucesivo fosen nomeados para Vilaboa.
Está situada nunha parcela de 2500 m2 destinada a parque público onde tamén se ubica a Casa dos Montes, o local social da Comunidade.
De planta rectangular, a casa ten unha superficie total construida de 330 metros cadrados repartidos en dúa plantas. Conta cun pequeno torreón nun dos seus ángulos. Os seus ocos son moi pequenos. Dispón dunha gran cheminea en fachada, unha fermosa escaleira interior de pedra semiderruída e un corpo sobresaínte fortificado preto da entrada. Saeteiras en varios puntos e lareira interior.
Esta casa foi expropiada por Autopistas do Atlántico no ano 1979, pero a concesionaria desta empresa respetouna, polo que a edificación continúa na súa primitiva ubicación, a pesares dalgún intento de traslado.
No ano 2015, despois de 15 meses de negociación co Arcebispado de Santiago de Compostela a Comunidade adquiriu a súa propiedade xunto coa parcela adxunta dunha superficie de 2500 m2.
Despois de celebrar un concurso de ideas para a elaboración do proxecto de restauración no ano 2023 realizáronse obras de restauración por valor de 120.000 euros respectando a arquitectura tradicional.
(Visited 170 times, 1 visits today)
Etiquetas:
casa,
montes Last modified: 28 Novembro, 2025